12 de octubre de 2011

EZA028 Chã da Matança - Peneda (Arcos de Valdevez)


Zinco Zombies Zumbados fuxiron o doce de Outubro da exaltación da raza, da Hispanidade e da Guardia Civil que son cousas que admiran os mesmos que aman as touradas e que temen as xentes do común. Por iso fóronse a Europa.

Ficha técnica >>

Album de fotos >>


Crónica de EZA028 Chã da Matança - Peneda

Zinco Zombies Zumbados fuxiron o doce de Outubro da exaltación da raza, da Hispanidade e da Guardia Civil que son cousas que admiran os mesmos que aman as touradas e que temen as xentes do común. Por iso fóronse a Europa.

Nos días de moita calor cando o sol aínda non apreta é antes das doce e media. Cando o sol xa non é inimigo é despois das seis. Por iso os Zinco Zombies Zumbados andaron polas serras da Peneda fuxindo da exaltación raza, da Hispanidade e da Guardia Civil de doce e media a seis. Como os zombies están mortos non van morrer outra vez aínda que lle cozan os miolos que polo demais xa teñen ben cocidos.

Despois de avituallárense nun habitual comedeiro de Puxeiros, os cinco (como aqueles rapazolos xurdidos da mente de Enid Blyton) enfiaron cara ao sur para internárense nas terras amigas das serras da Peneda e o Leboreiro.

Chegados que fomos ao lugar onde a estrada que leva á Peneda se cruza co regueiro de Tieiras que cando se fai grande xa se chama da Peneda, a comandante mandou a parar. Como xa fixera outro comandante hai moitos anos noutras serras lonxincuas.

Así que baixamos do carro, cargamos as mochilas, algúns mandámoslle algo ao corpo e baixo un sol que debería estar prohibido a estas alturas do ano comezamos a subida por un íngreme camiño cara o alto da serra, a Chá da Matança. Nome ben evocador para unha turba de Zombies.

Para o que subscribe, neozombie novicio, era un camiño descoñecido aínda que non a área na que estabamos nin os compoñentes da expedición. Así que ía un algo apampando, se cabe mais que o normal, tentando apreixar cada recanto, cada sombra, sobre todo cada sombra, cada vista ao lonxe, que é como un se vai enriquecendo nesta relixión estraña que practicamos os que amamos os camiños aínda que con tantas fórmulas diferentes.

Non pasara mais dunha hora cando os zombies chegaban ao alto e o mundo facíase ancho e longo poboado de penedos de carqueixas e de vacas e cabalos. Cabalgando estas chas que son o teito destas serras antigas un séntese transportado, mesmo parece que nada malo pode acontecer nestas terras bravas e solitarias.

A xefa ordenou virar ao sur e así o fixemos os de clase de tropa aínda que hai que dicir que houbo unha escisión capitaneada polo Zombie con Botas que non seguiu mais que el. O resto mantivo a disciplina, dentro do que cabe que tratándose de zombies non cabe grande cousa, e seguiu á Comandanta sen chistar e sen dubidar un momento malia ás veces vela nunha actitude que semellaba dubitativa pero que seguramente era mais ben meditativa.

Baixo o sol abrasador de verán, aínda que estabamos en Outubro, a tropa avanzaba penosamente pola chaira. Uns poucos garranos arrimábanse a un penedo para aproveitar a súa sombra. Porque os garranos son animais pero non son parvos así que decidimos imitalos e facer dunha ruína de caseto feito na noite dos tempos o noso comedor porque saíndo á hora que saímos case non tarda nada en ser a hora do xantar. Estabamos na Branda da Chá da Matança.

Despois do condumio houbo un momento zombie e alí fun iniciado nos rituais da seita como quedará documentado convenientemente na crónica fotográfica. Tamén a nosa lideresa perdeu a compostura e a verticalidade e andou aos tombos polo chan toda escarranchada en postura, haino que dicir, impropia para unha dama.

Seguimos pois á nosa meditativa comandanta ata que nunha certa altura recoñecín o lugar por onde estabamos pasando e alegróuseme o corazón. Sempre un se alegra de recoñecer un lugar cando non conta con iso e ademais nunha horiña de baixada pola Calçada da Quelha Escura estariamos na Peneda tomando unhas cañas. Así foi, enxergamos a trocha do descenso a malia non ir o que se di moi rápidos chegamos ao bar da Peneda onde houbo cañas e outro momento zombie.

Logo pegamos no camiño vello que unía Lamas coa Peneda, un camiño recomendable para calquera camiñante de calquera confraría de camiñantes das moitas que existen en nun pis pas estabamos no punto de partida. Antes o Anxo incitou á tropa a probar, polo procedemento de tirar unha pedra, as posibilidades que cada quén tiña de casar. Algunha preocupación xerou este test no ánimo normalmente tranquilo do noso comandante consorte pero mantivo o tipo e insistiu en irnos bañar a outro lado.

Este outro lado é un segredo segredísimo polo que solo direi que era unha poza superferolítica situada nun lugar indefinido pero que si o sol que padeceramos era doutra época do ano, do verán, as augas daquela poza tamén eran doutra época, do mais frío inverno.

Aínda ben que os zombies nin sofren nin padecen porque tivemos que soportar unha humillación por parte da Comandanta que non vou referir aquí pero que se no canto de ser un zombie fose un humano gardaríalla de por vida.

Unha chamada telefónica veulle estragar ao Zombie Zero o que quedaba de día pero había que seguir e fomos a Castro a tomar outra caña. Logo tiramos para Vigo a onde chegamos xa de noite coa sorpresa de que a maior parte dos comedeiros estaban pechados. Finalmente topamos un lugar onde se prestaron a alimentarnos e comemos mais que medio ben a un prezo mais que razoable.

E así foi o dia da miña iniciación como Zombie e creo que tamén a do Zombie X que anda moi recuperado das súas doenzas porque seica matou a Cándida. Por iso, por ser reo de crime maior, non poñemos aquí o seu verdadeiro nome.

Outro día contareivos outro conto.

ZdP. Outubro do 2011

1 comentario:

  1. Meu querido Zombi de Paramos: as túas verbas lévanme outra vez a partillar eses camiños nos que quedaron para sempre confundidas as nosas pegadas, como tantos outros desde que me descubriches que había un mundo máis ala de Sanabria, e dun xeito moito máis gráfico do que poden testemuñar as nosas memorias gráficas (porque desta vez si: mil palabras sempre valen máis que unha imaxe, ou que un cento). A túa verba fresca esperta en min un algo de envexa, quizais porque á primeira soubeches captar a atmosfera desta peculiar aventura, na que camiñando desafiamos a tódalas mortes anunciadas. E un verdadeiro pracer volver a disfrutar da túa compañía no monte, e das túas letras na cidade... Grazas, mestre.

    ResponderEliminar