21 de abril de 2011

EZA006 Sendeiros da Serra da Enciña da Lastra (Ourense)


A pandemia chegou á Serra da Lastra dun xeito accidental, pero unha vez alí estendeuse como unha marea negra. En Vilardesilva declarouse o principal núcleo de infección, e dende alí planeamos colonizar outras áreas cercanas. Loitamos contra as prediccións meteorolóxicas, que tentaban deter a nosa praga, e volvemos á vida grazas á boa xente de Chao do Prao.

Más información >>

Album de fotos >>

Crónica EZA006 Sendeiros da Serra da Enciña da Lastra

Xoves, 21 de abril de 2011

Os augurios non eran favorables. Na véspera o Xácobe desertaba, aqueixado desa pandemia dos nosos días que se manifesta a través das lumbares, e obrigábanos a mudar as nosas estratexias de cara ós próximos días. As previsións meteorolóxicas tampouco eran benignas, e non semellaba agradable aguantar o diluvio en terras de Somiedo, tan afastadas en caso de unha retirada apresurada. Así que na mesma maña da nosa partida estivemos algo máis dunha hora naufragando pola rede, na búsquea dun plan alternativo que nos convencera a Miguel e máis a min, que era o que restaba operativo da expedición. Outra vez xurdiu a opción da Serra da Lastra, e xa preto do mediodía partimos para alí na Vivaracha, con ganas de sumar outro punto de infección.

Sen demasiados problemas chegamos a Biobra, onde está situado o centro de interpretación, un deses cetáceos varados que, despois de trabar un bo anaco do orzamento da Xunta, queda deserto e sen sentido, cun paisano que pouco máis fai que achegarnos un folleto das rutas e mostrarnos a aula didáctica. Dende alí parte a ruta das Dúas Vertentes, un sendeiro circular de pouco máis de catro quilómetros que nos permitiría adentarnos nos segredos deste Parque Natural.

Dimos ás costas o fermoso Val do Galir, e comezamos a ascender cara o monte, entre soutos e pradaríos, seguindo a silueta impoñente dos Penedos de Oulego, onde un día tentei tocar o ceo, naqueles tempos nos que me sentía inmortal. Neboeiros de treboada o cubrían agora, pero esto non nos desanimaba para apertar o paso, gañando metros por unha paisaxe que mudaba conforme gañabamos altura, e mostrábanos a faciana máis amable e característica da serra. Grandes concentracións de enciñeiras e xaras en flor, dotando a este entorno dunha variedade cromática incrible, franqueando as dúas ribeiras dun camiño amable, onde a poucos se suavizaba a subida, e onde tamén nos atopamos as cores da lavanda, escornacabras e armeria, entre outras moitas especies.

Biobra xa era un poboado de xoguete en medio do val, e os Penedos de Oulego desapareceron da nosa visión cando acadamos a Ladeira de Abeirada, a 850 metros de altitude. Non había perda na ruta, que estaba ben sinalizada, e os dous estivemos de acordo no acertado da nosa elección, xa que o descubrimento deste hábitat particular ben merecía os moitos quilómetros de asfalto que percorreramos ata aquí. Quizais o sendeiro era cativo de máis, pero cada metro tiña calidade.

Achegámonos a un miradoiro e, ademais de boas panorámicas sobre os vales do Sil e do Galir, puidemos distinguir os cumios da Serra de Agulla, e dos Penedos de Oulego, As Tres Marías, Pena Trevinca, os Montes Aquilianos... o certo é que estabamos rodeados de puntos polos que estender a nosa pandemia antisenderista, e foron moitos os proxectos que nos pasaron pola cabeza neses momentos. Algo máis adiante, nun lugar chamado A Escrita, comezamos a descender, e as xaras e aciñeiras volveron ceder protagonismo ós castiñeiros e terras de labranza.

Quedamos con ganas de máis cando chegamos á estrada, xa preto do núcleo rural de Biobra, e mergúllanos no mapa das rutas para tentar unir a que estivera máis preto de nós. Había unha que pasaba por Vilardesilva, e como non queríamos seguir polo asfalto, decidimos coller o primeiro camiño que houbera nesa dirección, co ánimo de atallar.

O sendeiro ascendía cara a Pena Falcoeira, e ó pasar a carón dos primeiros soutos comezou a pecharse de xaras e xestas, e tivemos un momento no que nos asaltaron as dúbidas e puxemos a faciana de zombis. Avanzamos ata onde puidemos, sempre coa referencia da estrada que estaba ós nosos pés, e despois dunha sucesión de soutos tivemos que rendernos e dar media volta para seguir avanzando. Con todo o traxecto extra foi de calidade, e cando chegamos ó pobo tiñamos o empeño de toma-lo desquite.

Collemos a Vivaracha, mandámoslle uns anacos de lombo e queixo con pan de molde e, en menos de dez minutos, xa estabamos nas portas de Vilardesilva. A pesares de que comezaba a poallar, a paisaxe era ben fermosa. Ós pes do pobo sucedíanse os pradaríos e os soutos ata o mesmo val do Sil, e sobre o río a impoñente silueta de Penarubía, erguéndose maxestosa ante nós.

Puxemos as nosas roupas hidrófugas, o Miguel abriu un paraugas, e xuntos comezamos a descender cara o pobo, no que non erguemos nin un balbordo de cans. Un feixe de tellados de lousa, baixo o que se inzaban algunhas casas solarengas e outras máis cativas, pero dotadas ás máis delas dunha beleza peculiar, recibiunos conforme deixabamos a estrada. Tamén atopamos as marcas do sendeiro escollido, aínda que o cartel non coincidía coas nosas referencias.

A Ruta do Caeiro, en todo caso baixaba ata o río, e ese era o noso obxectivo, tanto nos tiña ir por un lado que polo outro. Así que botamos a andar entre castiñeiros, aciñeiras e carballos, coa única pega de non poder retratar en condicións aquel lugar fermoso. Tiñamos por seguro non tropezar con ninguén na nosa andaina, e así foi, mentres descendíamos cara o encoro de Penarrubía, xa no territorio administrado pola xunta de Castela-León. Non tardamos moito en acadar unha pista na que se suavizaba, ata desaparecer por momentos, a pendente, e unha sinalización dubidosa fíxenos descender outra vez para atoparnos nun camiño pechado entre aciñeiras e xaras.

Volvemos ó camiño principal, que de seguro era o que comunicaba Vilardesilva con Covas, e o ceo abriuse timidamente, escampou e xurdiu unha luz que quentaba ata o corazón. A paisaxe do val adquiriu uns tons incribles, e eu volvinme algo tolo disparando contra todo o que me arrodeaba, especialmente contra a silueta do pico de Penarrubía, que debuxaba fermosos reflexos nas augas encoradas do Sil.

Apertamos algo o paso, xa que tiñamos que contar con unha volta en ascenso pronunciado, e finalmente chegamos ó Caeiro, un antigo forno de cal que tiña algo de semellanza cun foxo do lobo. Alí, fronte a unha central hidroeléctrica e a uns farallóns de calcaria formidables, remataba a nosa ruta, e non nos quedaba outra que dar marcha atrás. Aínda nos demoramos un anaco na contemplación do augas, nas que Miguel pensou en mergullarse (aínda que desistiu polo fango que cubría as beiras do río), e dándolle voltas ó mapa, xa que a ruta que elixiramos non podía ser esta, xa que chegaba ata Covas.

O meu compañeiro imprimiu o ritmo eivadiño, e liderou a ascensión sen decatarse se o seguía ou non. Privilexios de non levar a cámara na man. Quería buscar o camiño a Covas, e ía atento a cada desvío. Nunha destas abandonou o sendeiro que nos trouxera alí e internouse nunha congostra enlamada, e dez minutos máis tarde estaba berrando coma un toliño, para facerme chegar a nova de que conseguiramos enlazar coa Ruta do Val do Sil, e que polo tanto faríamos o ascenso por un itinerario distinto á baixada. Unha circular... bravo, Miguel.

Para completa-lo éxito da nosa elección o desnivel non era por aquí tan evidente, e se atallaba tamén un bo anaco para chegar a Vilardesilva, onde nos recibiu, esta vez si, un balbordo de cans, e a advertencia dun seareiro de que non beberamos nin na primeira nin na segunda fonte que atoparamos, xa que só a terceira ofrecía garantías de potabilidade. Eu xa tiña o estómago algo resentido das augas calcarias de Biobra, así que decidín que, nos próximos días, ía utilizala só para me lavar.

A nosa sede foi saciada na casa de turismo rural de Chao de Prao, onde eu me baixei dun tirón doas xerras de cervexa que me saberon a gloria bendita, e o meu colega, sempre fiel ás súas tradicións, pediu un acuarius e unha Estrela ben fría (ó mesmo tempo). Non había moitos seareiros polo bar, pero decatámonos de que había movemento na cociña, e pensamos que quizais non era mala idea cear alí mesmo.

So por curiosidade preguntamos, co menú, se tiña habitacións ou, polo menos, se nos poderíamos duchar para cear en condicións. E o Antonio, o dono do local, deseguida nos dixo que si a todo, que se queríamos habitación tiñamos e se non podíamos ducharnos igualmente.

Collemos o equipaxe no coche, e mentres botamos contas. Pouco máis de corenta euros por cear, durmir e almorzar non semellaba algo fora do noso alcance, así que tamén nos lle dixeramos si a todo, e tomamos posesión do derradeiro piso da casa, onde dispuxemos dunha habitación con tres camas (magoa que non estivera Xacobe con nós), un baño ben equipado, un salón amplo con cociña, e ata unha terraza onde o Miguel puidera botar un xaroto sen mollarse.

Despois dunha ducha reparadora baixamos ó comedor, e non tardaron en dispoñer enriba da nosa mesa un prato de lentellas, as que seguiu outro de lombo con patacas e unha boa ensalada. Eu acompañei a comida cunha botella de Mencía ecolóxico, que estaba ben rico, e a pouco non me quedou sitio para a sobremesa.

Para rematar baixamos ó bar, onde puidemos ve-las fotos da xornada mentres lle mandabamos un gin-tonic, e mesmo conectarnos co mundo a través da liña wifi que puñan a nosa disposición as boas xentes de Chao de Prao. Foi un bo remate para unha xornada que comezara con certa inquedanza, e deunos azos para afrontar un novo día, no que tiñamos programado camiñar polas Médulas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario