E145 Máis alá da Devesa da Rogueira >>
A primeira incursión dos Eivadiños no Courel, da man do primo Rober que nos deu acubillo na República Independente do Ferradal. Estabamos fortes de máis e Miguel levounos a ritmo eivadiño pola Devesa, o que nos animou a ascender cara o Formigueiros e baixar polo Alto do Couto ata Moreda, debuxando unha ruta circular na que invertemos preto de oito horas. A noite no Pontón, compensou tódolos nosos suores e descubriunos outros encantos deste anaquiño do paraíso.
Camiñamos polas terras arraianas da Serra do Laboreiro baixo unha intensa nevada, ó carón das motas de Bangueses, ata coroar un dos cumios do meu imaxinario primixenio, Penagache, e dende alí descendemos ata Retortoiro, nun desas andainas montañeiras que fan afición. Tanto é así que o día seguinte completamos a ruta dende Xacebáns ata Abellás, debuxando un itinerario que non desmerece nada ós que fan os nosos “irmáns maiores”. Aledoume recorrer as terras dos meus ancestros na compaña de Zalo, Fani e Alex, e que a ceo nos agasallara cubrindo a raia cun manto níveo.
Cando Sistelo aínda semellaba un reino prohibido para min, os meus queridos Salomé e Zalo deron en abrirme as portas ó Pequeno Nepal, para celebrar o terceiro aniversario dos Eivadiños. Leváronme entre socalcos ata Padrão, aldea pendurada no tempo, descubríronme a poza da Estiveirinha, onde fixemos un mergullo de calidade, e ata houbo cervexas na Portela de Alvite antes de debuxar un deses círculos perfectos que, ó xeito das cicatrices, levo marcados no corazón. Ademais foi a primeira crónica de Salo, o que lle deu un valor engadido á xornada.
Viñamos escapando dun temporal de neve que case estivo a piques de atraparnos en Pirineos, e detivémonos en Sanabria a estirar as pernas antes de xantar. Na oficina de turismo desaconselláronnos subir polo canón do Cárdena, porque había neve a chou. Botámonos a rir e cando chegamos arriba se nos xeou o sorriso, pasamos un frío do carallo, o Zalo andaba agripallado, o Panete ía en tenis e levou unha cuada, case quedamos sen almorzo, pero aínda así teño unha boa lembranza da ruta.
Arouca, outro dos territorios mitolóxicos do imaxinario Eivadiño. Na serra da Freita fixemos un feixe de sendeiros, e ata houbo xornadas, coma esta, nas que fomos quen de enlazar dous. É difícil escoller, pero quizais esta foi a andaina máis agradecida, houbo varias cañas e mergulladas, e ata fixemos unha pequena iniciación a espeoloxía. A cea a base de sopa de pedras e pirú foi algo espectacular.
A nosa incursión nos Oscos tamén marcou un antes e un despois. Foi unha desas expedicións nas que todo semellaba doado, nin tan sequera a inestabilidade do tempo puido facer mella no noso ánimo. Neste pateo tivemos un sol de carallo, poallou, despois choveu arreo, sarabiou e mesmo caeron unhas folerpas de regulamento. O acubillo que nos deron en Casa Tomas, despois de cruzar o Canón do Agüeira, fíxonos crer nos milagres.
O segundo aniversario de Eivadiños celebreino cunha ascensión en solitario nos Apeninos Meridionais. O Scruppo non ten máis de mil setecentos metros, pero o desnivel acometido dende Marsico Nuovo fixo que empregara todas as miñas forzas na aventura. Foron moitas as incursións a nestas serras da Basilicata, pero quizais esta foi a máis completa, aínda que non a máis fermosa.
Facía máis de dez anos que non camiñaba polas beiras deste río, e fomos ata alí sen saber moi ben o que nos íamos atopar. Era aínda máis fermoso do que me lembraba, e o sendeiro estaba recuperado e alongado, o que deu paso a que detrás nosa viñeran outros amigos dos camiños a recoñecelo. Hai quen probou as xeadas augas do Barbantiño, máis nin esto foi quen de quitarnos o feitizo e non tardamos moito en volver.
¿Pódese sufrir baixo un sol infernal e encher as pernas de rabuñadas e ter unha boa lembranza?, penso que si. No Val do Froufe íamos facer un trilho e rematamos unindo dous, so por tomarnos unha cervexa na Ermida (que tamén foron dúas). Unha desas xestas épicas que escribimos os Eivadiños para contar os nosos netos. Case morremos no intento, pero fixémolo.
O derradeiro, como non podía ser doutro xeito, tiña que ser algo especial. Os meus amigos do Casal de Sistelo agasalláronme con esta ruta, unha das máis bonitas e completas que lembro na xeografía portuguesa. Fragas enfeitizadas, brandas onde o tempo semella detido, un mosaico de socalcos, camiños carreteiros colonizados polo brión, ata unha morrena glacial. Foron moitas as lembranzas nese día de tódolos días que camiñamos...
No hay comentarios:
Publicar un comentario