22 de julio de 2012

EZA065 Sendeiro do Pozo Piñeiro (Pontevedra)


"Estaban os catro un día, os mellores deste barrio..." como nos vellos tempos si, os Zombis con Botas, a Melodramática e mailo Zero, rexeitando as previsións meteorolóxicas e os anuncios do Apocalipsis. Semellaba que tolearan saíndo da sombra do cimiterio de Piñeiro, onde o mundo se chama Covelo, e subindo por unha pista forestal desarborada cara os cumios do Suido, pero a Comandante tiña reservada unha sorpresa... outro anaquiño do Paraíso, cunha lagoa de augas cálidas e azuladas onde pensamos estar mergullándonos no ceo.

8 de julio de 2012

EZA064 Sendeiro dos muíños do río Gorgua e do monte Leboreirón (Ourense)


As estacións tolearan, e as moreas de zombis doutros tempos espallaranse polo mundo, deixando ó pequeno continxente dos tempos primixenios, que deron por espallar as súas pegadas polas terras arraianas do Laboreiro, eso sí, despois dunha paparota canibal nas terras da Cañiza. Ceos empapados de nubes de algodón, e terras reverdecidas polas chuvias, regatos con saltos de augas cantarinas e unha fraga enfeitizada. Despois dun feixe de intentos os Botas deron pechada a súa ruta en torno o monte Laboreirón e o río Gorgua, pois non hai sendeiro que se resista os seus ataques.

17 de junio de 2012

EZA062 Trilhos do Val de Froufe (Ponte da Barca)


As predicións, unha vez máis, non eran as idóneas para que espallaramos a nosa pandemia antisenderista, e cruzámo-la fronteira coma lostregos, tanto foi así que rematamos en lugares diferentes. Reunímonos baixo os espigueiros do Soajo, e alí a nosa Comandante deu licencia para darnos unha boa paparota de miminhos e outras delicias. Cando todo semellaba que non foi que si, e rematamos para comezar en San Miguel de Entre ambos os ríos, onde collemos o sendeiro do río Foufe, baixo a direción do Zombi con Botas. Houbo algúns conatos de insurreción, mentres o ceo caía sobre nós, e algún que outro intento de recuperar o liderazgo, máis o Senhor Botas levounos pola súa ruta sen escoitar as queixas, e felizmente conquerimos os nosos obxectivos, eso si, mollados ata os osos. Bautizamos nunha cabana de pastores a nosa Zombiscocho, que nos agasallou con café e as delicias da súa cociña.

3 de junio de 2012

EZA061 Sendeiro do Baixo Almofrei (Pontevedra)


A nosa Comandante Z e mais o Zombi con Botas derón en nos deixar sos en procura de maiores aventuras, e o Zombi Zero tivo que tomar a dirección como nos tempos primixenios. Un feixe de eivadiños da nova e da vella ornada, partillando palabras, sorrisos e pegadas polas beiras do Almofrei, onde semellaba que a primavera estralara nunha sinfonía de cores. Houbo mergullada e xantar na fervenza grande, onde noutros tempos saltaba o Topollino. E para rematar un concerto de jazz no Principal.

27 de mayo de 2012

EZA060 Trilho do Caminho dos Mortos (Monção)


Camiñando burlamos á morte, por ese mesmo camiño por onde se laiaban as rodas de carro ergendo un balbordo de almas, porque o que camiña está afeito a desprezar as fronteiras, viaxa entre mundos visibles e invisibles, e ata as propias leis dos homes e da natureza. E, sen que serva de precedente, quizais por eso a nosa Comandante Z deu en ceder o mando da tropa Eivadiña, que semellaba lexión, para que o Zombi Zero non perdera a lembranza daqueles tempos primixenios. Unha desas xornadas que, sen ser épicas, seguen facendo a nosa historia.

17 de mayo de 2012

EZA059 Fragas de Escuro Vermello (Melgaço)


Semellaba que as terras arraianas do Laboreiro floreceran coma as mil primaveiras da nosa lingua, e festexaban a semente das nosas pegadas cunha sinfonía da cores. Baixo a efinxe soberana de Anaman, avanzaban co afán dos primeiros exploradores o núcleo desta teima que se deu en chamar Eivadiños, e despois da súa morte, derivaron nesa estrana fórmula da EZA, profetas do Antisenderismo e adictos a malandrina. Máis o facer equilibrios sobre a raia seca ten os seus tributos, e o Zombi Zero pagounos deixando un rastro de dor entre uces e carrascos, máis aguantou ata o final a ruta deseñada polos Botas, que se alternaron na direción (ou case) do evento.